jueves, 15 de diciembre de 2011

Psicoloxía por Lydia Yusta Bermúdez de Castro.

Lydia Yusta Bermúdez de Castro é estudiante de Psicoloxía na Universidade de Santiago de Compostela. Estes días está a facer prácticas nos Servicios Sociais do noso Concello e acaba de preparar para todos vos este artigo sobre os seus estudos.   
Moitas grazas, Lydia. 
Para qué sirve estudar Psicoloxía?
Os estudios de Psicoloxía forman a profesionais que analizan e explican o comportamento humano para relacionalo despois ca saúde, o benestar e a calidade de vida, axudando as persoas a mellorar.
Durante os anos de estudo acádanse destrezas para avaliar e intervir sobre o comportamento das persoas. Trátase de ser capaces de transmitir solucións, suxerencias e información en relación ao comportamento.
Qué é o que se estuda exactamente?
Algunhas das ramas de coñecemento estudiadas na carreira son: As etapas do desenvolvemento psicolóxico ó longo da vida da persoa (na infancia, vellez…), o comportamento dentro dos grupos, os procesos mentais básicos (como a Memoria, por exemplo) ou os métodos que utilizan os e as profesionais para facer as avaliacións, os diagnósticos e os tratamentos.
Hai que ter en conta que está entre as Ciencias Sociais e as da Saúde, así que os Fundamentos Biolóxicos da Conducta e a Análise de Datos forman parte dos coñecementos básicos para obter este título. Aínda así, pódese acceder dende todas as opcións e as materias pódense superar independentemente dos coñecementos previos, que son recomendables, pero non imprescindibles.
Na Facultade os alumnos achéganse as diferentes teorías da Psicoloxía de forma xeral. Finalmente será un máster o que proporcione a especialidade.
Que é o que se pode facer despois?
Algo moi positivo de esta carreira é que pode haber un psicólogo ou psicóloga exercendo en postos de traballo moi diferentes. A pesar da imaxe de sempre do profesional na súa consulta facendo terapia, hoxe en día o campo estáse ampliando moito e as saídas poden ser moi diversas e orixinais: Fálase dunha demanda destes profesionais para asesorar no sector das novas tecnoloxías, valóranse cada vez máis nas empresas (porque saben escoller as persoas máis axeitadas para un determinado posto, conseguen que mellore o benestar laboral e, por conseguinte, a producción), tamén pode relacionarse a Psicoloxía co arte,  a publicidade, o deporte, a literatura… e case todo o que se poida imaxinar.
Os trastornos de comportamento tratados na Psicoloxía Clínica son cada vez mellor diagnosticados e aparecen moitos novos casos. A crise económica, o ritmo e o estilo de vida, o consumismo, os choques culturais… As condicións da nosa sociedade están provocando que moitas persoas precisen deste apoio.
Tamén faise moi necesaria a presenza de Psicólogos e Psicólogas:
-         No ámbito educativo: formando parte dos equipos que se apoian os/as estudantes que teñen necesidades educativas especiais, mediando nos conflictos e asesorando os profesores e profesoras.
-         No ámbito Forense: nas prisións, facendo valoracións, traballando pola reinserción social, etc.
-         Comunitarios: Traballando na detección de necesidades das comunidades e colaborando para que aumenten a súa calidade de vida.
-         Nos Servizos Sociais: Prestando apoio e detectando necesidades dos colectivos máis necesitados, traballando na intervención social mediante programas que tratan drogadiccións, violencia de xénero, exclusión social…
-         Nas catástrofes: Apoio inmediato en situacións de emerxencia.
-         Nas residencias para maiores e centros de día, nos programas destinados a terceira idade.
Isto son só algún exemplos dun campo moi amplo de saídas profesionais. En definitiva, traballar facendo algo que poida contribuir á mellora do benestar das persoas e da súa saúde, guiarlles cara a solución daquilo que interfire negativamente na súa vida e poder escoller cómo facelo nun abanico tan variado de posibilidades, fan do Grao en Psicoloxía unha opción de futuro máis que interesante.

Lydia Yusta Bermúdez de Castro.
Estudante de Psicoloxía da USC.

No hay comentarios: