viernes, 16 de marzo de 2012

Grao en Maxisterio: Por Lucia Casal, profe de Pedagoxia Terapeútica no IES MIraflores.


Agradecemos a Lucía esta colaboración. Recordade que unha parte fundamental na tomas de decisións vocacionais é estar informado.


 "O Grao en Maxisterio por Lucia Casal"

Os estudos de Maxisterio pertencen á rama Universitaria das Ciencias Sociais. Cúrsanse nas facultades de Ciencias da Educación, xunto con outros estudos como Logopedia, Psicopedagoxía, Educación Social…e os mestrados das mesmas ramas que se oferten en cada caso.
Estes estudos pasaron nos últimos anos de ser unha diplomatura (tres anos de duración) a ser un grao, de catro cursos de duración, que abrangue 240 créditos, nos que se inclúe a elaboración e defensa dun proxecto de fin de grao. Aínda que na diplomatura existían sete especialidades de maxisterio (educación primaria, educación infantil, lingua estranxeira inglés ou francés, audición e linguaxe, pedagoxía terapéutica, educación física e educación musical), nos estudos de grao só se diferencian o grao en Educación Infantil e o grao en Educación Primaria. As antigas especialidades están incluidas en distintas asignaturas dentro do plan de estudos dos actuais graos. Polo tanto, o título que se obtén denomínase Graduado en Educación Infantil ou Educación Primaria pola Universidade de A Coruña/ Santiago/ Vigo…
O seguinte nivel universitario será o de master (cursando un dos mestrados da mesma rama) e o superior o de doutor.
A lei que regula actualmente o sistema educativo español e polo tanto, na que se basean os maxisterios, é a Lei Orgánica de Educación do 3 de maio de 2006, a famosa LOE.
A Educación Infantil é o primeiro tramo do sistema educativo, pero non é obrigatoria. O obxectivo fundamental é estimular o desenvolvemento de todas as capacidades, tanto físicas, como afectivas, intelectuais e sociais de nenos de 0 a 6 anos. É un tramo de moitísima importancia e potencial educativo. O grao trata de formar profesionais capaces e formados para afrontar os retos educativos da etapa, ofrecendo materias de formación básica na rama como historia da educación, psicoloxía da aprendizaxe, do desenvolvemento…etc., combinadas con materias obrigatorias como Literatura infantil ou as didácticas das distintas áreas, nas que se aprende sobre matemáticas, música, educación física… pero nas que tamén se “aprende a ensinar”.
A Educación Primaria é unha etapa educativa obrigatoria que comprende seis cursos académicos organizados en tres ciclos: de 6 a 8 anos, de 8 a 10 e de 10 a 12. Na LOE defínese o seu obxectivo pimordial: proporcionar a todos os nenos unha educación que permita afianzar o seu desenvolvemento persoal e o seu propio benestar, adquirir as habilidades culturais básicas relacionadas á expresión e a comprensión oral, á escritura, á letura e ao cálculo, así coma desenvolver as habilidades sociais, os hábitos de estudo, o sentido artístico, a creatividade e a afectividade (artigo 16.2).
Para acadar este obxectivo, os Mestres deste ciclo deben ter competencias nas áreas e tamén a formación necesaria para orientar e estimular aos nenos no proceso de aprendizaxe de coñecementos e tamén no de desenvolvemento xeral. Igual que no outro grao, neste, as asignaturas obrigatorias e as de formación básica combinan as competencias nestes dous aspectos.
Os lugares onde se imparten e os plans de estudo detallados podédelos consultar na páxina do Sistema Universitario de Galicia (http://sug.cesga.es/). Na Universidade da Coruña, por exemplo, tedes tamén especificados os obxectivos e as competencias xerais e específicas que se deben adquirir en cada grao.
Para concretar, diremos entón que un mestre é unha persoa que se encarga da educación formal e institucionalizada dos nenos de Educación Infantil, Primaria ou Especial, en escolas ou colexios. Tamén algún Mestres poden estar destinados en Centros de Educación de Persoas Adultas ou Institutos de Educación Secundaria, en programas de educación compensatoria, apoio a alumnos con necesidade específica de apoio educativo... como é o meu caso. Ainda que a escolarización básica obrigatoria se estende ata aproximadamente os 12-14 anos, no caso deste último tipo de alumnado dita idade pode alcanzar os 21 anos no noso país.
Os Mestres tamén poden desempeñar o seu labor en hospitais, cárceres, ONGs, academias…
Todos estes lugares de traballo poden ser privados, concertados ou públicos. Os privados e concertados fan a súa propia selección de persoal e aos públicos accédese por sistema de oposición, tema que por desgracia está bastante parado neste momento.
Hai distintas motivacións para elixir estudar e adicarse a esta profesión. Persoalmente penso que se necesita unha orientación e interese por axudar aos demáis, e unha actitude positiva, valoración e gusto pola infancia. En moitos casos a base das capacidades necesarias para ensinar xa está en cada un de vós, pero como xa vimos, estas capacidades tamén se poden aprender.


No hay comentarios: