martes, 24 de febrero de 2015

CONVOCADAS PROBAS DE ACCESO A FP.

A Consellería de Educación publicou onte a convocatoria para a realización de probas de acceso a Formación Profesional de Grao Medio e Superior. Na páxina edu.xunta.es/fp podedes atopar toda a información relativa a datas de inscripción, celebración das probas, etc.

CALENDARIO

Recorda que:

As probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio van dirixidas ás persoas que non cumpran os requisitos académicos de acceso a ciclos formativos de grao medio.
Para poder concorrer á proba é necesario ter cumpridos dezasete anos ou cumprilos no ano natural de celebración da proba.
A proba divídese en tres partes:
- Sociolingüística: Lingua castelá, Lingua galega, Ciencias sociais.
- Matemática: matemáticas.
- Científico-técnica: Ciencias da natureza, Tecnoloxía.
A proba dará lugar a obtención dunha certificación na que constará a nota final lograda e a cualificación obtida en cada unha das partes que a compoñen.
A certificación da superación da proba dará acceso a calquera ciclo formativo de grao medio, nas condicións de admisión que se establezan. Existirá unha porcentaxe de reserva de prazas por cada centro e ciclo para as persoas que accedan pola cota de proba de acceso. A adxudicación de praza estará condicionada pola cualificación obtida na proba.

As probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior van dirixidas ás persoas que non cumpran os requisitos académicos de acceso a ciclos formativos de grao superior.
Será condición imprescindible para concorrer á proba ter cumpridos dezanove anos ou cumprilos no ano natural de celebración da proba.
Así mesmo, tamén poderá presentarse quen teña cumpridos dezaoito anos no ano natural de celebración da proba e dispoña dun título de técnico relacionado coa familia profesional incluída na opción á que opta.
A proba divídese en dúas partes:
- Parte común: lingua galega, lingua castelá e matemáticas
- Parte específica:
Opción A: economía da empresa, lingua estranxeira (inglés ou francés), e filosofía e cidadanía.
Opción B: debuxo técnico, tecnoloxía industrial, e física.
Opción C: ciencias da terra e ambientais, química e bioloxía.
A proba dará lugar á obtención dunha certificación na que constará a nota final lograda e a cualificación obtida en cada unha das partes que a compoñen.
No caso de superación da proba, a devandita certificación incluirá a relación de familias profesionais nas que se posibilitará o acceso a ciclos formativos de grao superior en función da opción elixida, nas condicións de admisión que se establezan.


Formación Profesional Básica

A formación profesional básica forma parte das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo. Os estudos teñen unha duración de 2000 horas ou 2 cursos académicos.

Que título se obtén?

Superando un ciclo de FP básica obtense o título profesional básico correspondente ás ensinanzas cursadas.

Cal é a validez dos títulos?

O título profesional básico ten tanto valor académico como profesional. Permite o acceso aos ciclos formativos de grao medio.

A persoa que posúa un título profesional básico poderá obter o título de graduado na ESO, mediante a superación da proba de avaliación final da educación secundaria obrigatoria.

O título profesional básico ten os mesmos efectos laborais que o título da ESO e capacita para levar a cabo funcións de nivel básico de prevención de riscos laborais.

Requisitos que debe cumprir o alumnado de forma simultánea:

  • Ser proposto/a polo equipo docente
  • Consentimento do pai, da nai ou dos/das titores/as legais
  • Facer 15 ou 16 anos no ano de inicio do ciclo formativo
  • Ter cursado o terceiro curso de educación secundaria obrigatoria ou, excepcional­mente, ter cursado o segundo curso

A proposta do equipo docente, tamén poderá solicitar a admisión na FP Básica o alumnado de 17 anos feitos no ano de inicio do ciclo formativo, escolarizado na educación secundaria obrigatoria.

De quedar prazas vacantes, completaranse os grupos con persoas que cumpran os seguintes requisitos:

  • Que fagan 18, 19 ou 20 anos no ano de inicio do ciclo formativo
  • Que non estean en posesión dun título de formación profesional ou calquera outro título que acredite a finalización de estudos secundarios completos

Que hai que facer para matricularse?

Presentar unha única solicitude de admisión e matrícula, asinada pola persoa solicitante (se esta é menor de idade, ademais deberá ser asinada por calquera dos/das titulares da patria potestade ou representantes legais).
A solicitude presentarase no centro educativo no que pretenda ser admitido.

Documentación a presentar:

  • Copia do DNI ou NIE, no caso de non dar o consentimento para a comprobación dos datos de identidade no sistema de verificación do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas
  • Comunicación de incorporación á formación profesional básica no caso de alumnado que foi proposto polo equipo docente con 15, 16, ou 17 anos
  • Certificado de discapacidade, no caso de participar no proceso de admisión pola re­serva para persoas con discapacidade

Cal é o período de admisión na FP básica?

  • Presentación de solicitudes: do 1 ao 10 de setembro ás 13.00 horas
  • Publicación, nos centros educativos, das listaxe de alumnado admitido e non admitido: 12 de setembro
  • Matriculación: do 12 ao 19 de setembro